viernes, 7 de marzo de 2014

8M - DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


A concellería de Igualdade, dirixida por Ana Casal,  organiza a través do Centro de Información á Muller (CIM), as actividades que se desenvolverán pola conmemoración do 8 de marzo, “Día  Internacional da Muller”.

Este ano as actividades prestan unha especial atención ós estereotipos  sociais sobre a muller con discapacidade e o seu papel na sociedade.

Os actos do Dia Internacional da Muller comezarán este venres na casa da Cultura coa proxección do audiovisual “Lazos de Mulleres” e un coloquio sobre “Muller e Discapacidade” no que participarán representantes de varias asociacións locais e doutras foráneas. 



Ás oito do serán proxectarase na Casa da Cultura o audiovisual “Lazos de mulleres”, un traballo realizado por Carlos Álvarez López e  organizado polo concello de Monforte en colaboración coas asociacións ACADAR, AFAMON, AGORA, ALBORES, AUXILIA e PRODEME.

Neste audiovisual participan Regina Rodríguez Rodríguez, Mª Teresa Díaz Tallón, Mª Carmen Guedes, Mª del Carmen Seijas Fernández, Mª Nieves Díaz Losada, Leydi Juliana Aldana Rodríguez e Elena Rodríguez Gay, mulleres que coas súas testemuñas reflicten as dificultades que atopan no seu día a día e os prexuízos que aínda amosa moita xente na nosa sociedade, pero tamén a súa capacidade de superación.

A finalidade última deste traballo é recoñecer as situacións de discapacidade, visibilizando as diferenzas e garantindo así a igualdade para tódalas mulleres con ou sen discapacidade.

Posteriormente, ás 20:30 horas, terá lugar unha Mesa Coloquio baixo o título“Muller e Discapacidade: desmontando estereotipos”. Varias persoas profesionais achegarán, dende un punto de vista técnico, a súa visión sobre este tema: Manuel Carballedo López, traballador social de AFAMON; Sofía Pardo Viloria, delegada local de AUXULIA; Elisa Sapia Rodríguez, directora de ALBORES; Monserrat Pérez Abad, pedagoga de PRODEME; Olivia Marco Astola, traballadora social da ONCE e Mónica Álvarez San Primitivo, coordinadora de AGORA e presidenta de ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia).

O sábado 8 de marzo, as 12:30h. na Praza de España, terá lugar o acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, acto no que Mónica Álvarez San Primitivo, presidenta de ACADAR, dará lectura a un manifesto. O Ganchillo Urbano volverá simbolizar as reivindicacións, cubrindo as escaleiras da praza con fíos de cores que representan as barreiras coas que se atopan diariamente as mulleres no exercicio dos seus dereitos, en especial as mulleres con discapacidade, para as que estes obstáculos se multiplican pola chamada dobre discriminación

Mulleres que teñen grandes dificultades en tódolos ámbitos, sufrindo unha excesiva sobreprotección no ámbito familiar, e moitas dificultades no ámbito social e laboral en aspectos como o acceso á formación, ó emprego ou á participación, xerando nelas unha maior dependencia económica e fomentando con todo isto a súa invisibilización polo súa propia discapacidade. 


¡Esperámosvos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario